Que é o anarquismo?

Esta é unha tradución o galego do texto "A.1 What is anarchism?" do An Anarchist FAQ (AFAQ). Estes textos estanme servindo moito para aprender e argumentar sobre as preguntas máis comúns que se fan sobre o anarquismo. O texto orixinal en inglés está editado por The Anarchist FAQ Editorial Collective baixo a licenza GNU Free Documentation License, Version 1.1 ou versión posterior.

Accede ó contido orixinal

O anarquismo é unha teoría política que ten como obxectivo crear anarquía, "a ausencia de amo, de soberano." [P-J Proudhon, Que é a propiedade?, p. 264] Noutras palabras, o anarquismo é unha teoría política que busca crear unha sociedade na que os individuos cooperen libremente entre si como iguais. Como tal, o anarquismo oponse a todas as formas de control xerárquico —sexan estas exercidas polo Estado ou por un capitalista— por consideralas prexudiciais para o individuo e a súa individualidade, ademais de innecesarias.

Nas palabras da anarquista L. Susan Brown:

"Aínda que a comprensión popular do anarquismo é a dun movemento violento e antiestatal, o anarquismo é unha tradición moito máis sutil e matizada que unha simple oposición ao poder do goberno. Os anarquistas opóñense á idea de que o poder e a dominación son necesarios para a sociedade, e no seu lugar defenden formas de organización social, política e económica máis cooperativas e anti-xerárquicas."
[The Politics of Individualism, p. 106]

Porén, "anarquismo" e "anarquía" son, sen dúbida, das ideas máis deturpadas dentro da teoría política. Xeralmente, estas palabras empréganse para significar "caos" ou "sen orde" e, polo tanto, por implicación, interprétase que os anarquistas desexan o caos social e un regreso ás "leis da selva".

Este proceso de deturpación non carece de paralelismos históricos. Por exemplo, en países onde se consideraba necesario o goberno dunha soa persoa (monarquía), palabras como "república" ou "democracia" foron utilizadas do mesmo xeito ca "anarquía", para suxerir desorde e confusión. Aqueles que teñen intereses creados en manter o statu quo desexan, obviamente, facer ver que a oposición ao sistema actual non pode funcionar na práctica, e que calquera nova forma de sociedade só conducirá ao caos. Ou, como expresou Errico Malatesta:

"Como se pensaba que o goberno era necesario e que sen goberno só podía haber desorde e confusión, era natural e lóxico que a anarquía, que significa ausencia de goberno, soase como ausencia de orde."
[Anarquía, p. 16]

Os anarquistas queren mudar esta idea de "sentido común" sobre a "anarquía", para que a xente vexa que o goberno e outras relacións sociais xerárquicas son ao tempo daniñas e innecesarias:

"Muda a opinión, convence ao público de que o goberno non só é innecesario, senón extremadamente prexudicial, e daquela a palabra anarquía, precisamente porque significa ausencia de goberno, pasará a significar para todo o mundo: orde natural, unidade das necesidades humanas e dos intereses de todos, liberdade completa dentro dunha solidariedade completa."
[Op. Cit., pp. 16]

Este FAQ forma parte do proceso de cambiar as ideas comunmente aceptadas sobre o anarquismo e o significado da anarquía. Pero non só iso. Ademais de combater as deturpacións producidas pola idea de "sentido común" de "anarquía", tamén temos que loitar contra as deturpacións que o anarquismo e os anarquistas sufriron ao longo dos anos por parte dos nosos inimigos políticos e sociais. Porque, como dixo Bartolomeo Vanzetti, os anarquistas son "os radicais dos radicais —os gatos negros, o terror de moitos, de todos os fanáticos, explotadores, charlatáns, farsantes e opresores. Consecuentemente, tamén somos os máis calumniados, deturpados, malinterpretados e perseguidos de todos."

[Nicola Sacco and Bartolomeo Vanzetti, The Letters of Sacco and Vanzetti, p. 274]

Vanzetti sabía ben do que falaba. El e o seu compañeiro Nicola Sacco foron incriminados polo Estado dos EUA por un crime que non cometeron e, de feito, foron electrocutados en 1927 por seren anarquistas estranxeiros. Polo tanto, este FAQ terá que dedicar un tempo a corrixir as calumnias e deturpacións que os anarquistas sufriron a mans dos medios de comunicación capitalistas, políticos, ideólogos e xefes (sen esquecer tampouco as deturpacións procedentes doutros radicais como os liberais e marxistas). Con sorte, unha vez rematado, comprenderás por que os que teñen o poder dedicaron tanto tempo a atacar o anarquismo —é a única idea que pode garantir de xeito efectivo a liberdade para todas as persoas e rematar con todos os sistemas baseados no poder duns poucos sobre a maioría.

---

💠 Vomitorium
🧻 Tódolos posts
📣 Feed de Atom

por ~inoro ©️ 2025

CC by-sa 4.0