A vella e fermosa tecnoloxía da radio

12 Maio 2025

Aínda que o meu interese xa viña de lonxe, o día que España quedou a escuras durante un día enteiro marcou un punto de inflexión na miña motivación para afondar no interesantísimo mundo das radios. Non quero resultar alarmista, nada mais lonxe da realidade, pero o certo é que a partires dese día o algoritmo de YouTube comezou a recomendarme vídeos de xente prepper e radioaficionados. Eu coma bom escravo do algoritmo que son, caín de cheo nestes contidos. Despois de tragarme moitas horas de señoros rancios falando de frikadas e conspiracións vislumbrei algo que me fascinou: se toda a infraestrutura tecnolóxica colapsa, a radio seguirá funcionado. Mentres a podas manter alimentada ca electricidade que necesite (spoiler: e moi pouca) poderás ter algo moi parecido a un telefono móbil para poder comunicarte a distancias incribles. Outra pregunta lexitima seria ¿se todo colapsou para que ías precisar comunicarte? pero realmente este non e o asunto que quero tratar neste post.

Paréceme incrible como as ondas electromagnéticas viaxan polo aire á velocidade da luz, percorrendo grandes distancias e chegando a practicamente calquera punto da superficie terrestre, e incluso máis alá. O máis sorprendente é que todo isto se pode conseguir con sistemas relativamente sinxelos, fabricados con materiais comúns e accesibles. O único que necesitas saber e un pouco de física.

A transmisión radiofónica máis básica é completamente analóxica. Dende o micrófono do emisor ate o altofalante do receptor, as ondas electromagnéticas convértense en son a través de dispositivos realmente sinxelos. Esta tecnoloxía permite que múltiples persoas poidan comunicarse a longas distancias sen depender de sistemas complexos nin infraestruturas avanzadas, empregando equipos que en moitos dos casos, son case artesanais. Logo podemos poñernos facys e falar das comunicacións dixitais por radio, pero a miña vontade sempre é seguir a filosofía UNIX onde se establece que cada ferramenta so ten que facer unha única cousa, e esa cousa ten que facela ben.

Experimentando cunha radio multibanda

Co ánimo de profundar neste mundo, unha vez esgotara todo o contido en castelán sobre este tema adquirín un pequeno receptor multibanda co que comecei a experimentar. Grazas a el, situándome en pequenas elevacións nas proximidades da miña casa, fun quen de captar sinais ben afastadas.

Ao aprender un pouco sobre as distintas bandas e o tipo de comunicacións que nelas se poden atopar, quedei impresionado coas distancias que se poden acadar. Durante estas sesións de escoita, tiven ocasión de recibir emisións en árabe, francés, portugués, castelán e incluso italiano. Especialmente curioso foi o feito de escoitar radios italianas, tendo en conta a distancia dende onde estou, nunha zona máis ben baixa e rodeada de montañas. Isto demostra a marabillosa capacidade que outorga a refracción na ionosfera (DX) en determinadas bandas, que permite á radio superar obstáculos xeográficos enormes e conectar lugares afastados sen máis infraestrutura que o propio aire.

CB27, comunidades a través do aire

Dentro desta exploración radiofónica, tamén mergulleime na coñecida Banda Cidadá, un sistema de comunicación aberto, e para o que non precisas licencia, moi popular noutros tempos, pero que semella estar algo esquecida na actualidade. Tentei escoitar nas frecuencias dos 27.000 Hz, nas que se atopan os 40 canais típicos desta banda, mais non logrei atopar actividade.

É certo que non lle adiquei todo o tempo necesario, polo que podería deberse tanto á configuración do meu equipo como ás horas nas que fixen as probas. Aínda así, estou a considerar a posibilidade de adquirir un equipo de transmisión e montar unha antena de tipo dipolo en V invertida no xardín, para poder operar nesta frecuencia. Aínda que teño dúbidas sobre se realmente lle sacarei o proveito suficiente como para xustificar a inversión económica.

Resúltame moi atractiva a idea de que se poda formar unha pequena comunidade a redor destes corenta canles, quero imaxinalo no pasado coma un proto-internet onde se marcaban uns protocolos de comunicación, xurdían memes, formábanse novas amizades, organizábanse quedadas, etc. Dame magoa que hoxe en día, da mesma forma que as boas comunidades en Internet, este espazo tamén esta desaparecendo e caendo no esquecemento.

PMR446, comunicación onde non hai infraestrutura

Por último, tamén me interesei polos PMRs, os coñecidos walkie-talkies de uso libre. Estiven lendo sobre as súas características técnicas, legalidade, usos e o alcance real que poden acadar. Resultoume moi atractivo comprobar como, en situacións nas que os móbiles deixan de ter cobertura —como nas montañas ou bosques densos—, estes dispositivos permiten manter a comunicación a varios quilómetros de distancia, ofrecendo unha alternativa práctica e fiable.

Estou pensando seriamente en adquirir unha parella deles para incorporalos o meu equipo de excursións. De seguro que acabarei utilizándoos cos meus amigos nalgunha que outra situación.

Xa irei escribindo mais sobre os meus seguintes pasos neste insospeitado pero fascinante viaxe polas ondas.

---

💠 Vomitorium
🧻 Tódolos posts
📣 Feed de Atom

por ~inoro ©️ 2025

CC by-sa 4.0